domingo, 24 de marzo de 2013

Humilde rima de despedida

O cabaquinho que pón o timbre nunha Samba
 o café con leite ben cargado na cor da súa pel
 veñen cantando as cadeiras na súa fala
 pouco tempo teño pra escribilas nun papel

 Caipirinha de noite nun día de praia
 o pé dunha lúa lavada con auga
 pensan os listos que bailas sen saia
 falan os tolos sabendo o que falan

 Contan os vellos que non sabes chorar
 que te matas co demo e non deixas de rir
 sorriso de pedra dun Cristo sen altar
 noite de favela con sabor a açaí

A miña tonada pintada en galego
ca cor máis bonita nun rabo de flor
a loucura que soña con volver a facelo
que pensa e que cala ruidos de amor

 Véñenme ardendo as verbas na sangre
 Marcho contento e arrimado a unha pena
 bágoas de ferro non deixan que cante
Copacabana chorando pola Garota de Ipanema

 Voume tranquilo berrando o que fixen
 e sería verdá?, non sei...non sei que me pasa
 que as musas do ceo no inferno me miren
 pra cando queirades tedes as chaves da miña casa.


Lisboa, 24 de marzo 2013 son as sete e media da tarde